A temporada lírica de Amigos da Ópera estrea a ópera en galego Pálido punto azul

  • A viaxe en torno ao ser humano e a súa fraxilidade no actual mundo no que priman as aparencias
  • Un concepto diferente para contar a través da música creada por Javier Otero e o libreto de Iria Azevedo o proceso vital da protagonista interpretada pola soprano Esperanza Mara e acompañada na escena pola performer Nerea Brey
  • A programación continúa o xoves coa proxección e coloquio en torno a “Só hai horizonte” de Juan Vara no Auditorio Sede Afundación

A Coruña, 12 de novembro de 2024.- A estrea absoluta de Pálido punto azul acadou un Teatro Rosalía de Castro cheo para descubrir esta nova ópera en galego. Este ano a Temporada Lírica de Amigos da Ópera da Coruña acolleu a peza asinada polo compositor Javier Otero con libreto de Iria Azevedo.

Ao longo de preto dunha hora a soprano Esperanza Mara debutou o rol de Fatma. Esta é a protagonista da obra, encargada de relatar o camiño que percorre a través do ser, estar e parecer, os tres puntos sobre os que se sustenta a obra que dá instrucción para diferenciar todas as etapas vitais. Xunto a ela Nerea Brey foi a permorfer que interpretou a Sombra, personaxe universal que se converte no contrapunto de Fatma.

Unha viaxe pola persoa

Unha ópera completamente diferente e nova que mantén unha estrutura clásica con abertura e tres actos, a través dos que Fatma transita polas etapas do ser humano partindo de sons vitais como o latexo do corazón, a respiración ou o fluír do sangue convertidos a través da técnica do sampleado e trasladados coa electrónica á escena. Todo isto é o proceso de construción do ser humano a través de Fatma e Sombra. Unha presentación que rematou cun acto que se centra nas aparencias tan presentes na sociedade actual a través das redes sociais.

Tal e como explicou o seu compositor, Javier Otero: “Esta é unha nova visión do recitativo, e por primeira vez a obra non tivo como referentes outras músicas, senón que mirei para o cine e a televisión”.

Máis temporada

A programación desta semana continuará o xoves coa proxección gratuíta de Só hai horizonte, un montaxe que aglutina diferentes expresións artísticas (música, cinematografía e poesía). Unha proposta asinada por Juan Vara que será o protagonista do coloquio posterior xunto co director Manuel del Río e o poeta Xavier Seoane, será ás 19 horas no Auditorio Sede Afundación.

O mes continuará con actividades gratuítas como as proxeccións de películas sobre óperas de Puccini na Filmoteca de Galicia; os recitais dos ciclos Novas voces galegas e Xeración ascendente no Auditorio Sede Afundación e o Museo de Belas Artes, respectivamente.

Ewa Płonka debuta en Galicia

A temporada finalizará o 29 de novembro coa gala de clausura protagonizada por Ewa Płonka no seu debut en Galicia. A soprano polaco americana estará acompañada pola Orquestra Sinfónica de Galicia, dirixida por Gianluca Martinenghi. Será no Teatro Colón, ás 20 horas. As entradas poden adquirirse tanto na praza de Ourense (A Coruña) como en ataquilla.com e no propio teatro o día da Gala.

83 visitas totales 1 visto hoy
Compartelo en
468 ad